Comunicación
Kubrick
ou a cadratura do circulo.
Eric
Casáis | Periodista Sobre
el autor
![]()
|
Cando vin a Laranxa mecánica por primeira e única vez -non debe someterse un moi a miúdo a emocións tan fortes- a película de Stanley Kubrick, tiven a sensación de que o estaba facendo no lugar e no intre axeitados. Foi na Residencia de Estudiantes, nunha sala de vídeo do Bosque da Condesa, en Santiago, durante a miña época de alumno, e cun grupo reducido de amigos, por certo non moi cinéfilos e si un pouco pillabáns, todos coas sensacións a flor de pel e o coñecemento aínda na cerna. Ficamos abraiados. Quizais pola luz branca da pantalla, quizais aínda máis polo plantexamento absolutamente amoral do filme, enxergado por ese idiolecto inxenuo co que o protagonista, a penas un adolescente -coma nós daquela-, expresa o que vai sentindo. Brutal. Así me semellou entón, coa mesma intensidade coa que teño empregado o calificativo logo para expresa-lo que me conmove, desprazando o seu significado deica unha connotación estética do belo-que-fere. Imposible a indiferencia diante de algo así. Aínda que o racional te levase a aborrece-lo visto, un non podería obxectalle nada. Dende o plantexamento moi estético do filme, ata o punto de inventar un idioma, o ruso-amerricano, e de contrastar unha fotografía límpida, filtrada dun branco celestial, sobre un contido que abeira o terrorismo, demoníaco en si, pero tratado dende unha óptica fría e tan precisa coma o coitelo do cirurxián. A película desbordoume. Tan só acadei entón a sentila, e nin sequera puiden reflexionala, imposible reflexionala.
Deuse a circunstancia de que pouco tempo despois -ou antes, non me lembro- vira e horrorizárame coa película "Henry, retrato dun asasino", que contén unha escena de violación moi semellante no tratamento inequivocamente amoral do delicto, polo demais expresado en ambos casos con crueldade e ensañamento, sen por iso implicar coas imaxes un xuízo de valor sobre os actos. Demasiado brutal. Peor que iso. Kubrick describía o horror e eliminaba a conciencia, regresaba a unha época primitiva -ou primaria- do instinto humano, achegábase á tribo irredenta que ¿pervive? nas sociedades avanzadas, e precisamente, o factor tecnolóxico, ou tecnocientífico, que é unha constante no seu cine, nesta película está na ambientación futurista, pero dun futurismo doméstico, que non resolveu o máis básico, é dicir a convivencia, incluso a convivencia intra-fogar, e si resolveu o máis superficial, a quimera tecnolóxica, os botóns e os aparatos. Kubrick redescobre a inocencia -polo demais trátase da inocencia da besta- da tribo dentro da sociedade. Pecha completamente os ollos* -diría logo-, expresando a súa derradeira vontade. (*) Título da última película de Stanley Kubrick, que faleceu logo de rodala. A
CORUÑA, 1970 |